A Asociación Cultural Avelino Díaz e a Fundación Giner de los Ríos – Institución Libre de Enseñanza, organizan en Meira dúas actividades nesta semana que comenza. As actividades levan por lema “Camiños de letras, palabras e libros: obradoiros, paseos e lecturas”.

A primeira será a estrea da ruta escolar “Andas con Avelino Díaz” , que nesta primeira edición terá o lema “paseo, poemas e xogos familiares” . A ruta, reservada ás familias nesta primeira ocasión, partirá da Praza Maior de Meira ás 17:00 h. do martes, día 22 de xuño.

A segunda das actividades programadas consistirá nunha conferencia telemática sobre o autor a cargo do profesor Bernardo Penabade, que se celebrará o próximo xoves, día 24 de xuño, a partir das 19:00 horas. na canle da Institución Libre de Enseñanza ( https: // youtu. be / av_ vpQy_ xZs). Bernardo Penabade, á marxe do seu recoñecido prestixio como filólogo e investigador, é unha das persoas responsables do chamado “Modelo Burela”, unha iniciativa pioneira que busca a integración lingüística das persoas inmigrantes. Nos últimos anos, o profesor Penabade significouse tamén polos seus estudos arredor da figura de Avelino Díaz.

As dúas actividades responden a un proxecto de colaboración da AC Avelino Díaz e da Fundación Giner de los Ríos – Corporación de Antigos Estudantes e Amigos da Institución Libre de Educación (https://www.fundacionginer.org/historia. htm). Entre as súas iniciativas actuais, a Fundación programa unha serie de actividades en diferentes partes do Estado baixo o lema “Sendas de letras, palabras y libros: talleres, paseos y lecturas”. O proxecto está dirixido pola meirega Silvia Basanta e baseado nos valores fundacionais do ILE, nel a transmisión oral e escrita ten un papel especial, de tal xeito que a través de lecturas, obradoiros e paseos, as actividades programadas son unha proposta de lecer educativo e cultural para todas as idades.

Máis información nos perfís de Facebook e Twitter de AC “Avelino Díaz” e na páxina web da Asociación www.poetaavelinodiaz.gal .

https://www.youtube.com/watch?v=aV_vpQy_xZs

error: Content is protected !!