Axudas a entidades asociativas sen ánimo de lucro das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses para o desenvolvemento de accións de posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios na anualidade 2021.

RÉXIME DA CONVOCATORIA: As subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, están destinadas a entidades asociativas sen ánimo de lucro (con sede/delegación social ou cuxo ámbito territorial de actuacións estea incluído nas Reservas da Biosfera Terras do Miño ou Os Ancares Lucenses e cuxo obxecto social estea relacionado con algunha das liñas de acción dos plans das ditas Reservas) para o desenvolvemento de actuacións de posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios (en liña cos seus Plans de Acción) na anualidade 2021.

GASTOS SUBVENCIONABLES: Son aqueles considerados como gastos correntes que contribúan ao cumprimento dalgunha das Liñas de Acción dos Plans de Accións das Reservas da Biosfera Terras do Miño ou Os Ancares Lucenses:
a) Proxectos de mantemento e conservación de instalacións existentes, como centros de interpretación da natureza e de recepción de visitantes, refuxios de pesca, centros socioculturais. Etc.
b) Proxectos de mantemento e conservación de sendas peonís e pasarelas existentes.
c) Proxectos de conservación e restauración do patrimonio natural e cultural.
d) Campañas de concienciación e sensibilización ambiental así como actividades de información e/ou divulgación para a conservación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico das Reservas da Biosfera. (Charlas, xornadas divulgativas, obradoiros, actividades de voluntariado, rutas, exposicións, material divulgativo …)
e) Actuacións de promoción dun desenvolvemento rural sostible que teñan como obxectivos a mellora da calidade de vida das poboacións locais, a loita contra o cambio climático e a sostibilidade enerxética, así como a sostibilidade da agricultura, gandería e silvicultura.
f) Actuacións de fomento de producións e servizos de calidade: Fomento de producións locais tradicionais, promoción de produtos e servizos de calidade e fomento do emprego local, promoción e desenvolvemento dun turismo sostible e de calidade nas Reservas da Biosfera.
g) Realización de inventarios e estudos sobre o seguimento e estado de conservación das especies de flora e fauna e os seus hábitats, investigación de razas, variedades de ecotipos locais que permitan afondar na obtención de produtos de mellor calidade en resposta á demanda de consumo.
h) Actuacións de formación en sostibilidade ambiental a profesionais, xestores e técnicos locais.
i) Actuacións de educación ambiental en todos os niveis da educación regulada.

Poden ser obxecto de axuda, sempre que se enmarquen nunha das actividades anteriores:
a) Gastos de persoal con contrato laboral coa entidade solicitante, necesario para a realización e desenvolvemento da actividade obxecto de subvención e durante a duración da mesma. .
b) Gastos de servizos profesionais independentes.
c) Gastos de seguro.
d) Gastos de desprazamento para a celebración de actividades.
e) Gastos de publicidade da actividade.
f) Gastos correntes para o desenvolvemento da actividade.
g) Gastos por cursos, charlas, obradoiros.
h) Gastos de organización: empresas organizadoras de actividades. Quedan excluídos desta convocatoria os gastos de inversión ou por compra de material inventariable.

REQUISITOS DOS BENEFICIARIOS: Poderán solicitar subvencións ao amparo desta convocatoria as entidades ou asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas, incritas no rexistro público correspondente na data de publicación desta convocatoria, con sede/delegación social ou cuxo ámbito de actuación estea incluído nas Reservas da Biosfera Terras do Miño ou Os Ancares Lucenses. As entidades asociativas deben desenvolver actividades nos aspectos vinculados ao cumprimento dos obxectivos da Reserva da Biosfera Terras do Miño e/ou Reserva da Biosfera Os Ancares Luceses, ou que sexan representativos de intereses sociais, económicos ou ambientais destes territorios cuxos fins sexan acordes cos principios inspiradores do Programa MaB da UNESCO (Os seus estatutos deben recoller eses fins expresamente), e sempre que as ditas accións que desenvolvan cumpran o obxecto íntegro das bases.

IMPORTE DA SUBVENCIÓN
: A subvención que a Deputación Provincial pode conceder estará comprendida no intervalo: Importe Mínimo 1.000€ e Importe Máximo 10.000€. A cantidade concedida non é un importe certo, fai referencia a unha porcentaxe ou fracción do custo total da actuación subvencionada, xa que cando menos o 5% da actuación subvencionada deberá ser financiada pola propia entidade beneficiaria.

PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES: As solicitudes formularanse de xeito electrónico, dirixidas ao Presidente da Deputación de Lugo, nos modelos oficiais, xunto coa documentación que sexa preciso achegar, a través da Sede Electrónica da Deputación Provincial de Lugo, así como nos restantes rexistros electrónicos establecidos por Lei.
O prazo para presentar as solicitudes será de 10 días hábiles , a contar a partir do día seguinte da publicación no BOP da provincia de Lugo do extracto da convocatoria (BOP Nº149, de data 02/07/2021). É dicir, o prazo está aberto dende o luns 07/05/2021 ata o venres 16/07/2021. (Os dous días incluídos).

error: Content is protected !!