PROGRAMA DA DEPUTACIÓN DE LUGO: “COÑECE A TÚA PROVINCIA”, que ten como obxectivo realizar viaxes gratuítas dun día pola provincia para asociacións con sede na provincia de Lugo.
OBXECTIVOS : – Contribuír á reactivación da industria hoteleira e do turismo provincial para axudar a paliar os efectos adversos causados pola pandemia Covid 19, favorecendo a creación e mantemento de emprego directo e indirecto.
– Apoiar e dar visibilidade tanto aos diferentes destinos como aos establecementos e profesionais que forman parte da cadea de valor do sector turístico e hostaleiro na provincia de Lugo.
– Contribuír á recuperación da confianza da demanda turística e á promoción da provincia de Lugo como destino seguro.
– Servir como instrumento de sensibilización dos veciños sobre o potencial turístico dos 67 concellos da provincia de Lugo e a importancia da preservación do seu legado natural e cultural como elemento que contribúe ao desenvolvemento sostible no eido económico, social e ambiental.
– No marco da Axenda 2030 (obxectivo 8.9), promover un turismo sostible que cree emprego e promova a cultura e os produtos locais. DESTINATARIOS: – Poderán participar neste programa todas as entidades sen ánimo de lucro legalmente constituídas con sede na provincia de Lugo. Na anualidade de 2021 ofreceranse un máximo de 1.242 prazas.
INFORMACIÓN DE INTERESE: – Servizos incluídos: A excursión concedida a cada entidade beneficiaria incluirá o transporte para os traslados de ida e volta desde o lugar ou lugares de orixe, a póliza de seguro de viaxeiro, o menú para o xantar e as entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. En cada momento irá un guía acompañante con cada grupo participante, realizando as visitas profesionais que posúan a cualificación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal encargado de atender ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros indicados nos nosos itinerarios do programa.
– Gratuidade: a participación neste programa será gratuíta para as entidades beneficiarias.
– Número de participantes: poderán participar un máximo de 23 persoas en cada excursión (ou un número máximo inferior se o esixe a normativa sanitaria aplicable) e un mínimo de 11. Se non se alcanza o mínimo de 11 persoas para formar un grupo, a viaxe cancelarase.
– Horario de execución: as excursións concedidas terán lugar entre os meses de setembro e novembro, os días laborables (entre luns e venres excepto festivos). As entidades interesadas indicarán na solicitude as semanas de preferencia para realizar a viaxe correspondente, indicando un mínimo de tres opcións e un máximo de cinco.
– Visitas: os itinerarios deste programa son os especificados no catálogo dispoñible no anexo III das bases, na sede electrónica da Deputación de Lugo e na sección de información correspondente ao programa que aparece na páxina web de turismo. deputacionlugo. gal
LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES : – As solicitudes dirixiranse ao Presidente da Deputación de Lugo e presentaranse a través da sede electrónica da Deputación Sede Electrónica (deputacionlugo.org) apartado “trámites xerais”, no espazo habilitado para o programa “COÑECE A TÚA PROVINCIA”. Alternativamente, as solicitudes (de acordo co modelo que figura no Anexo I das bases), tamén poderán presentarse no Rexistro Xeral da Deputación de Lugo, onde se realizará a comprobación dos datos identificativos da persoa física ou xurídica a efectos do seu rexistro electrónico.
O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais. (As solicitudes presentaranse do 1 ao 30 de xullo). A concesión será por rigorosa orde de petición. Cada entidade interesada poderá presentar como máximo unha solicitude por convocatoria. No caso de presentarse máis dunha solicitude, só se terá en conta a primeira inscrita.
DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR COA SOLICITUDE : – As entidades interesadas deberán presentar, xunto coa solicitude, unha copia do NIF.
Achéganse as bases e anexos deste programa e a nota de prensa, foto e corte do anuncio do presidente da Deputación informando do lanzamento do programa “COÑECE A TÚA PROVINCIA”.