Área recreativa Porto da Pena

Está situado no lugar das Corvaceiras, na parroquia de Sta. María de Meira.

É o lugar habitual de celebración da Xira Campestre que pecha as festas patronais de Meira o 17 de agosto.

Formado por prados, bidueiros, carballos e castiñeiros arredor do río Miño, é o lugar onde se xuntan os tres regatos principais que forman o caudal do río que pasan pola vila meirega: o Rego de Leiras, o Rego de Feás ou Xiromeno e o Rego de Irimia ou río Miño que vén do Pedregal de Irimia.

Se observas ben, verás unha pequena canle paralela á canle principal, atravesada por unha pequena ponte, onde se desviaba parte do caudal do río para levalo ao muíño de Figueroa, situado xunto á praza do Convento –actualmente privado- . Este muíño, que data do 1768, pertencía ao mosteiro, contiña en 3 moas para tres tipos de cereais, e estivo en funcionamento ata finais dos anos 60-principios dos 70, onde incluso houbo un mesón.

O Porto da Pena está a medio camiño do Pedregal de Irimia desde o centro da vila, no Km1 da CP-3003. A poucos metros á esquerda está a Aula da Natureza, onde comeza a ruta de sendeirismo Pedregal-Corno da Órrea.

Nos paneis que atoparás nesta área recreativa descubrirás a gran variedade de flora e fauna da contorna. Ao ser un lugar afastado do centro urbano, é posible ver algúns animais un pouco esquivos como donicelas, esquíos, serpes, píntegas, cegoñas ou incluso aguias. Sen dúbida, é un lugar para gozar da natureza e tamén para facer festa.

error: Content is protected !!