Ruta Miño-Eo
Ruta Miño-Eo
A Ruta Miño-Eo ten o seu quilómetro cero no Pedregal de Irimia, nacemento do río Miño. A altitude desta ruta varía entre os 875 metros no alto da Serra de Meira, aos 175 metros na Treita, xunto ao río Eo .
Descrición da ruta
As vistas ao longo do percorrido son excepcionais, podendo observar a diferenza entre as dúas ladeiras da serra e contemplar a flora e a fauna da contorna, atopando animais salvaxes como cabalos, vacas do monte, raposos, corzos, lebres, xabarís e aves de todo tipo como perdices, corvos e pegas entre moitos outros. Un dos puntos a destacar nesta ruta é A Mexadoira; fervenza de aproximadamente 15 metros de altura que se atopa no chamado Rego de Murias. A baixada a este lugar é complicada e require un coidado e atención especial, pero chegar a el paga a pena. Situada xusto ao lado do río Eo (un río de troitas con abundancia de salmóns) atópase a antiga central eléctrica da Treita. Na última subida cara ao final desta ruta no Estreito, podemos observar unha gran variedade de flora: carballos, castiñeiros, bidueiros, nogueiras, cerdeiras, piñeiros, acevos que nos permitirá gozar dos diferentes tons da cor de verde que prevalecen na xeografía galega.
Información da ruta
Distancia: 17,2 km
Duración: 5h.
Dificultade: Media-alta
Ruta ben marcada mediante sinais, frechas e paneis.
Posibilidade de reducila en dúas rutas circulares máis curtas.
Dispón dun atallo sinalizado para acortala despois da fervenza.
Altitude máxima: 889 msnm.
Altitude mínima: 175 msnm.
Tipo de ruta: lineal, coa posibilidade de facelo circular engadindo 4 km.
Accesible a pé, bicicleta de montaña e cabalo.
Acceso
Desde Meira, pola CP-3003 (xunto á igrexa de Meira) ata o Pedregal de Irimia (2.5km.) Hai aparcadoiro para vehículos. A ruta comeza xunto á área de descanso do Pedregal de Irimia.