O concello de Meira comezou o seguimento “porta a porta” aos participantes na campaña de compostaxe, a fin de que os usuarios desenvolvan correctamente esta técnica, e reciban o oportuno asesoramento por parte de técnicos especialistas na materia. A campaña de compostaxe que se desenvolve de forma conxunta nos concellos de A Pontenova, A Pastoriza, Meira, Pol, Ribeira de Piquín e Riotorto, co apoio financeiro da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, proporcionou aos veciños e veciñas participantes os correspondentes medios materiais para a elaboración de compost de forma totalmente gratuíta.