O Concello de Meira e tamén a Asociación de Pensionistas e Xubilados de Meira, apoian individualmente a candidatura da Asociación O Castro de Baión-Vilanova de Arousa, aos premios GALICIA DE ACCIÓN VOLUNTARIA 2022 publicados no DOGA do 24 de outubro, por parte da Consellería de Política Social.
A Asociación O Castro de Baión-Vilanova de Arousa expón,
– que o pasado 24 de outubro saíu publicado no DOGA unha Orde da Consellería de Política Social relativa aos PREMIOS GALICIA DE ACCIÓN VOLUNTARIA 2022.
-Que unha vez analizada a convocatoria, consideramos que esta ASOCIACIÓN O CASTRO a través do seu grupo de voluntariado, ademais de reunir os requisitos legais indicados na mesma, ten os méritos suficientes para optar ao devandito premio pola súa traxectoria ao longo dos anos; xa dende o seu comezo, o seu espírito solidario comezou nos anos 90 coa recollida de dacións para o pobo de Ruanda (xenocidio), diversos programas de recollida de alimentos en colaboración con Cáritas, no 2010 asinouse un convenio con UNICEF, no ano 2012 creouse oficialmente o grupo de voluntariado, e a partires desa data seguiuse coa realización de actividades de interese xeral, medioambientais (recuperación do espazo e da posta en valor do monte de O Castro na súa vertente patrimonial, reciclaxe de aceites usados, etc.), culturais (catalogación e rehabilitación de fontes e outros elementos artísticos, recuperación de tradicións e costumes, etc.) e sociais (programas de acompañamento a persoas maiores, programas interxeracionais, e sobre todo a unidade de atención dende o 2014 a persoas maiores de discapacitados, con atención diaria de luns a venres).
-Que, tal como figura na convocatoria, pódense axuntar apoios a esta candidatura por parte de Entidades/ Asociacións que coñezan a traxectoria da Asociación e consideren oportuno manifestar o seu recoñecemento ao labor desenvolvido pola mesma no ámbito do voluntariado, o que para nós sería de suma importancia; se se chegase á consecución do devandito premio, suporía un importante respaldo á actividade daquelas mulleres e homes que adican un tempo no seu día a día a este labor solidario.