Pedregal de Irimia

Unha obra de arte creada por un antigo glaciar, cheo de beleza e lendas.

Descubre unha fonte nun antigo glaciar

O Pedregal de Irimia está situado a tres quilómetros de Meira, na ladeira occidental da Serra de Meira e é o singular enclave do Nacemento do Río Miño.

Este río de pedras que se organizan de xeito natural pola ladeira formando un funil, que despois dos seus 700 metros de lonxitude permite ver a formación do silencioso e inquedo regato que conforma o famoso río Miño. Estas enormes pedras, na súa maioría cuarcitas, proceden dunha morena periglaciar (hai entre 10.000 e 20.000 anos) formada polos procesos de xeo e desxeo. A natureza foi a encargada de crear esta coada de pedra, facendo deste lugar un punto de visita obrigada para contemplar os seus caprichos.

O Pedregal de Irimia é un lugar único, de fácil acceso e cunha área de lecer para gozar da paisaxe e conectar coa tranquilidade escoitando como as augas cristalinas crean unha fermosa melodía. Este ambiente máxico é ideal para ir con amigos ou só. Tamén é adecuado para ir con crianzas a gozar da natureza e descubrir as lendas e poemas sobre este lugar, que atoparás no panel de información ao lado do aparcadoiro.

Este enclave inspirou numerosos poemas, textos literarios, así como obras escultóricas como as que se poden ver nel (“O Pregoeiro do Vempo” e “Ara do Prisciliano”). Disfruta da enerxía deste lugar e deixa voar a túa imaxinación.

lendas do pedregal de irimia

As lendas que falan do nacemento de Miño contan que nesas terras vivía unha vella meiga chamada Irimia que se levaba mal cos monxes do convento. Un día, mentres gardaba o seu gando, os monxes viñeron cobrarlle os impostos que se negaba a pagar e, para defenderse, comezou a tirarlles pedras para botalos das súas terras, polo que os monxes decidiron apropiarse delas xa que eran ricas en fontes para manter o gando.
A muller botoulles un meigalle e cubriu o manancial do Miño con pedras moi grandes ata o fondo das súas propiedades para que non puidesen fornecerse da auga. “Nunca poderás probar a primeira auga deste río porque é miño”. Por iso o Pedregal dá nome ao nacemento do Miño, no Pedregal de Irimia.

Outra fala de homes pecadores convertidos en pedras e que agardan a redención das súas almas coas augas limpas que nacen alí.

Poemas do pederegal de irimia

¿Quen dixo, craro río Miño
que naces en Fumiñá
se xunt-a Monterredondo,
xa pasas, feito un rapaz?
. . .
E sei, tamén, que tés
o teu bercio máis atrás,
aló na Serra de Meira,
d-Irimia no Pedregal.
. . .
O Poeta de Meira
Avelino Díaz. 1897-1971.

O gurgullante e craro río Miño,
na serra escomenzando sua carreira,
vai bicando o belido chan de Meira
ó seguir, car-ó mar, o seu camiño.
. . .

“Debezos” 1947. Bos Aires.
O Poeta de Meira
Avelino Díaz. 1897-1971.

error: Content is protected !!